O señorito da Reboraina: unha vida trepidante

Do señorito da Reboraina houbera escrito algún frade erudito do século anterior ser o Pactolo en cuxas ondas todos os beizos se mollaban, ou o corno da abundancia. Só estaba ledo ciscando cartos para manter a súa corte, sempre anovada, de xurifaces, valentóns, gandainas, vellas porcas alcaiotas, cregos de latín das silveiras, señoritos de secano, militares a medio soldo, labregos queixumosos de ollos e gadoupas listas para arranxar bos perpiaños ou remendar os escanastrados pardiñeiros. O cal non bota fóra o número de amigos bos e xentes prontas a deixarse matar polo fidalgo, elegante, dado e xeneroso. Entrando sempre de a cabalo ou con cortexo nas vilas e rueiros da súa simpatía, era aplaudido e estrondaban foguetes; e saíndo, botaba como quen sementa mangados de diñeiro no vago e debullante eido da xente. Era valente, non cativo de saberes, gracioso e moi presumido. Cegábase e perdía o tino en canto lle recendía carne de moza papoíña.

Así describía o patriarca das letras, don Ramón Otero Pedrayo, a vida desprendida do fidalgo, político e diplomático galego don Juan Manuel Pereira de Castro (ca. 1820-1896) na súa derradeira novela, O señoito da Reboraina (1960). Por ser unha biografía ficcionada, don Ramón tomouse certas licencias literarias á hora de presentar unha vida tan pouco convencional como a deste fidalgo do século XIX que, descontando o marabilloso libro de viaxes que escribiu tras a súa experiencia asiática, Los países del Extremo Oriente (1883), non deixou nos arquivos moitas máis pistas da súa trepidante vida. Polo tanto, os datos biográficos que aquí aporto proceden, en parte, do prólogo da citada obra, escrito polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Don Juan Manuel Pereira de Castro naceu probablemente en 1820 no pazo de Reboreda (Redondela, Pontevedra), sendo fillo do matrimonio formado por dona María Rosa de Castro e don Ignacio Manuel Pereira, señor de Reboreda, capitán retirado de Infantería e carlista de primeira hora. Os Pereira eran unha familia de ricos propietarios que, malia os gastos xerados pola súa facenda, apañábase bastante ben.

Contando 18 anos, o don Xoán Manueliño xa empezaba a destacar entre os paisanos de Reboreda pola calor do seu discurso e polos conceptos novos que predicaba. Ningún se atrevería a aventurar a ideoloxía política que profesaba entón, carlista para uns e liberal progresista para outros, pero para o marqués de Astáriz era o suficientemente radical para mandalo á cadea.

Unha vez liberado, emigrou a Portugal, onde tiña familia e amigos, e en 1846 foi elixido deputado polo distrito de Ponteareas, aínda que as súas andanzas conduciríano de novo a buscar refuxio no país veciño. Foi alí onde escribiu, xunto co ex-deputado por Pontevedra Juan Bautista Alonso, un manifesto contra o goberno moderado e a raíña Isabel II, do que se tiraron dez mil impresos finalmente incautados pola policía. Así, coas autoridades españolas pisándolle os talóns, a comezos de 1849 o señorito foi expulsado de Portugal e, unha vez en Reboreda, detido e enviado ao cárcere de San Antón (A Coruña), do que se trasladaría ao Hospital Militar por unha irritación gástrica. Co cambio de garda do 28 de decembro comprobouse que don Juan Manuel xa non estaba, tendo escapado probablemente ao país luso e levándose consigo, previo suborno, ao oficial encargado de vixialo e a toda a garda. Por se fora pouco, a obstinación de Pereira por ocupar o seu escano, nun Congreso dos Deputados que lle estaba vedado polos delitos dos que se lle acusaba, levouno a franquear o seu paso vestido de muller e a carearse co presidente Narváez, quen resolveu, sorprendentemente, deixar moer.

Tras unha tempada en segundo plano, en 1854, cos progresistas no poder, Pereira volveu á palestra cunha acta de deputado baixo o brazo e o posto de gobernador da provincia de Pontevedra; mandato durante o cal atoparíase coa teimuda oposición dos veciños de Vigo, empeñados en esixir, en contra dos desexos daquel, o traslado da sede provincial á cidade olívica e acusándoo, ademais, de ter desvirtuado o resultado das eleccións municipais, a exoneración de funcionarios e a destitución dos xefes da milicia cívica. O ministro de gobernación cesouno e así don Juan Manuel atopouse en situación de recuperar o seu escano no Congreso, indo vivir a Madrid.

Coa caída do réxime progresista en 1856, Pereira viuse relegado da vida pública, pero mantívose alerta. Así, estreitou a súa amizade con Eduardo Chao, Manuel Becerra e Emilio Castelar; seguiu colaborando no periódico de Madrid La Discusión, e fundou en Ourense o partido republicano, cuxa presidencia ostentaría ata 1865. Ao ano seguinte embarcaría cara Londres para verse co xeneral Prim e preparar a Revolución Gloriosa que chimparía do trono á dinastía dos Borbón. A súa volta a España, por outra parte, significou a súa detención e, de novo, a entrada no cárcere de San Antón, en cuxas celas agardou polo estoupido da Revolución. Co gallo do pronunciamento da cidade de A Coruña o 29 de setembro, don Juan Manuel foi liberado xunto con outros presos políticos e, tras ocupar aparentemente a presidencia da primeira xunta revolucionaria, marchou a Madrid para beneficiarse do cambio político.

Prim, seguido fielmente por Pereira, quería instaurar unha nova monarquía en España, en contra do parecer dos republicanos, e atopou na figura de Amadeo de Savoia ao candidato perfecto. Pero a marxinación electoral á que se viron sometidos os republicanos, en beneficio dos monárquicos (aínda que foran carlistas), resultou ser unha decisión fatal para Prim, quen morrería asasinado en decembro de 1870 deixando disposto o nomeamento de don Juan Manuel como ministro plenipotenciario de España no imperio da China e nos reinos de Siam e Annam.

O 3 de setembro de 1871, tendo renunciado ao seu escano como deputado por Redondela, embarcaba desde Marsella rumbo a Asia, abríndoselle de par en par as portas dun mundo novo que quería coñecer e entender. Se ben o noso protagonista carecía dunha carreira universitaria e, polo demais, desdeñaba a vida contemplativa por considerala falta de acción, o fidalgo da Reboraina tiña, por outra parte, unha cultura selectiva e sobresaínte que axudoulle moito na súa vida. Sabemos que, ademais do portugués, lingua que consideraba propia, o castelán e o galego, coñecía o francés e o inglés, que lle permitiron acceder a coñecementos reservados a unha minoría, e facilitáronlle as relacións con outros diplomáticos. Tal e como se desprende das páxinas do seu libro de viaxes, posuía un extremo espírito crítico e cobizaba novos saberes, de aí que na súa viaxe se procurara cicerones, así como libros ou explicacións de persoas formadas. Nese sentido, son coñecidas a súa visita ao volcán Taál, na illa de Luzón (Filipinas), así como as súas observacións zoolóxicas conforme á teoría da evolución, que coñecía pola lectura da obra de Charles Darwin.

Porén, a curiosidade antropolóxica de Pereira non lle quitou de rexeitar ideas, costumes e actitudes que tiña por bárbaros ou absurdos, como a existencia dos eunucos, a circuncisión, as touradas, e máis universalmente, o sometemento da muller, a tortura, a pena de morte ou o dogmatismo e o fanatismo relixioso. Tampouco aforrou críticas á administración colonial, en particular a española das Filipinas, sobre a que dicía:

Los mismos gobiernos que por las perturbaciones de la península tienen que dedicarse con preferencia a lo que de más cerca les molesta, no pueden con la debida calma, que además la lucha y el espíritu intransigente de partido les arrebata, dedicarse a meditar las reformas que debieran introducirse en la administración de provincias lejanas, que siguen por lo tanto gobernadas según el antiguo régimen fundado en la manía de constituir al Estado en tutor universal; a la manera que algunos padres de familia, guiados por el plausible deseo de procurar a sus hijos lo que creen ser mejor para su bien, quisieran convertirlos en menores de edad perpetuamente, para poder así, a regla y a compás, medir todas sus acciones. Error que, como todos los errores, tiene celosos y hasta entusiastas defensores, que en vez de emplear su entendimiento en combatirlo y disiparlo, se dedican, yo creo que de buena fe las más de las veces, al ímprobo trabajo de sostenerlo y justificarlo, claro es que no con razones sólidas, pero con las que la rutina y la costumbre les representan como tales, sin que los ejemplos de otras colonias extranjeras les hagan fuerza, porque en su alucinación, solo se fijan en lo que tengan de imperfecto, que exageran y abultan, para que proyectando su sombra sobre las ventajas que no pueden del todo desconocer y negar, las oscurezca y desfigure. [Pereira, J M. (2018): Los países del Extremo Oriente, A Coruña, Ediciones del Viento, p. 123]

Unha vez concluíu o seu mandato como embaixador o 1 de setembro de 1872, foi elixido senador pola provincia de Ourense e, posteriormente, deputado nas eleccións de 1873. Pero, coa decepción de ver restaurada a dinastía dos Borbón en 1874, don Juan Manuel retirouse definitivamente da vida política, repartindo o seu tempo entre Madrid, Reboreda e Ourense na redacción do texto de Los países del Extremo Oriente, a vida familiar coa súa esposa dona Adelina, e a atención das súas amantes, Tchun-Tsieou e Genoveva de Cobres. Así, o esplendor de tan fulgurante personaxe foi perdendo o seu embace nun tempo que trataba de talar a gran árbore que fora o Antigo Réxime botando á terra a sementeira da modernidade. Así sobreviviu ata o seu falecemento en Ourense en abril de 1896:

Foi cousa de ben poucos días. Baixaban amigos a visitalo. El sempre moi currutaco, coas barbas xa xeadas. correspondía só cos vellos acentos. A ninguén se lle ocultaba –nin ó médico algareiro dos contos do crego, nin ó republicano de boa familia e casa, clausurado no seu escepticismo, nin ó elegante orador e gran letrado, nin ó abade dos chocolates e glosas ledas– non ser don Xoán Manueliño "o mesmo". Ordenábanse e cinguíanse os coros da vendima, decorrían os primeiros cestos, a xente moza, como a vella, desexaba ver ó "señorito", cando este, de súpeto, sen defensa nin forza, caeu doente e, sen dores, aquela mesma noite, entre os saloucos de dona Adelina que lle apreixaba as mans e o coro calado das mulleres da vendima de xeonllos e os homes de pé, tivo o seu pasamento, como a chama dunha vela demasiado envolveita nun vento livián...

Cando ó día seguinte, xa o corpo amiudado pola morte, repousaba entre oito cirios, téndolle collidas as mans sobre o peito xeado coas súas dona Adelina, chegaron os amigos, moi graves e silenciosos, só o médico dos contos dixo como para o seu inmediato, pero sendo sentido por todos:

-¡Se lle poñen debaixo do carrolo trinta mil reás en billetes, érguese e vainos debullar a Madrid!

Foi a oración fúnebre do señorito da Reboraina. Ха na porta entoaban os cregos. (Otero Pedrayo, R. (2020): O señorito da Reboraina, Vigo, Editorial Galaxia, p. 229)

Algúns alcaldes dedicáronlle rúas e prazas, como así aconteceu coa nosa actual Avenida Pontevedra en 1868, e, unha vez máis, houbo discusión sobre o lugar de enterramento. Non repousa no camposanto de Ourense, senón en Reboreda, e dise que os seus restos xacen ao pé do cruceiro que mandou levantar moi preto da igrexa da mesma parroquia, con vistas que pouco teñen que envexar ás de Chateaubriand no Grand Bé, malia ter indicado, de primeiras, descansar xunto aos restos da súa irmá e o seu cuñado, os meus trastataravós, respectivamente, Rita Pereira de Castro e Pedro José Couñago Couñago.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Don Antonio Miranda-Altamirano González

Don José ('Pepe') Miranda Cabo

Don José Joaquín Miranda Soto-Altamirano: una nota histórica